E dixo si!

0
875

Con ilusión inicio a andaina neste espazo de opinión, inmerso nunha web pouco usual, a dunha revista dixital de actualidade política, comandada por xente nova pero sobradamente preparad@s.

Se un é lector habitual deseguido darase conta que de bisoña e xovial non ten nada, e que a conxunción de POLÍTICA e mocidade por estraña que lle pareza aos nosos antecesores , é posible. Máis se se dá nos mozos adecuados.

E o dice un servidor, que preside unha organización político xuvenil, pero que co paso dos anos, e son case trece xa, deuse conta que a instrución e un pouquiño de experiencia por pequena que sexa, é valiosa para opinar sobre política con maiúsculas, que é a que ha de tomarse en serio.

Espero por tanto, que as miñas reflexións poidan ser catalogadas da mesma maneira por todos aqueles que dediquedes cinco minutos do voso tempo para lelas.

Dito isto, podería iniciar este primeiro post con calquera dos múltiples asuntos cos que a actualidade nos ten absortos. Pero dáme que de seguro opinarei sobre iso nas próximas entradas. Queda pouco para saber cal será o devir do noso país. Se o dunha gran coalición, se o de Sánchez máis Podemos e os nacional-independentistas, ou se o de volver pasar polas urnas. Entenderedes por ser quen son que a segunda opción dáme certo pavor.

Pero vou estrearme cun que cubriu páxinas e páxinas de elucubracións, de preguntas sen resposta e que espertou o interese de moitos, e non só de corrilegionarios. Refírome á continuidade de Alberto Núñez Feijoo como presidente do PPdeG, e polo tanto, a confirmación da súa candidatura para continuar presidindo o destino de todos @s galegos.

Formará xa parte do meu recordo, o momento no que A.N. Feijoo pronunciou a frase de por todo elo, confirmo a miña candidatura para… Ese estruendoso alarido unísono e improvisado de xúbilo de todos e cantos estabamos presentes, non creo que o volva a contemplar.

Pero ese si de «O noso presidente» (como diría Paco Vedra), trae consigo múltiples consecuencias.

En primeiro lugar, a constatación irrefutable dun auténtico líder. Nun momento en que os presidentes e secretarios xerais dos partidos están a ser máis que cuestionados, o presidente do PPdeG ten o recoñecemento e o respeto do 100% da militancia. Algo poucas veces visto, porque mesmo Adolfo Suárez, Felipe González, Aznar ou Mariano Rajoy, tiveron detractores dentro das súas filas.

A figura de Alberto Núñez Feijoo parécese cada vez máis á do seu predecesor, aínda que procedan de distinta escola.

En segundo termo, é inevitable establecer unha comparativa de como se atopan o resto de líderes galegos.

Mentres o PPdeG ten un candidato claro e recoñecido, o PSdeG escenifica un rosario de renuncias digno de preocupación. Mareas están á espera de que a Beiras non se lle de por caer no que tanto criticou a Fraga (presentarse con oitenta anos), e Podemos empeza a estar asumido na indiferenza das súas bases, cansadas de tanta dimisión, correntes e alternativos. Que de 21.000 militantes fosen a votar para a secretaría xeral pouco máis de 3.000, dános unha idea de como anda a cousa no partido morado.

O BNG é o único que xa ten un líder, (unha líder neste caso) con experiencia e ideas claras. Aínda que a súa dificultade radica en reconquistar os corazóns daqueles que se foron con Beiras. E non é cousa menor.

E por último, o contraste entre o que pode pasar en Madrid e o que moitos esperan que non pase en Galicia. A situación de ingobernabilidade que estamos a vivir a nivel nacional, beneficia claramente á figura dun líder sólido, que poida tomar decisións sen ter que pedir permiso a quen se presentou contra un.

Por iso, e tendo en conta o caras que están hoxe en día as maiorías absolutas, o si quero de Alberto Núñez Feijoo foi máis importante que nunca para todos. Os que bebemos da mesma fonte, e diría que tamén para os non beben de ningunha.

Pero iso último é unha reflexión miña…

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor, deja tu comentario
Por favor, introduce tu nombre aquí